domingo, 17 de abril de 2016

Liberdade de elección

Constantemente atopámonos con persoas que din actuar libremente, non depender de nada ou ninguén, vivir sen ataduras e facer o que queren cando queren. Mais, realmente temos a capacidade de actuar libremente ou cada un dos nosos actos, mesmo algo tan simple como mover un dedo, veñen motivados por algún factor?

Atopámonos aquí coa teoría do libre albedrío, defensora de que podemos decidir libremente calquera acto que realicemos. O máis simple sería considerar que en condicións normais teño opción de elixir, pero vaiamos máis alá; se por exemplo nos falan constantemente dun mesmo tema, este invadirá a nosa cabeza por un tempo, se nos din que non pensemos en certos elementos, a súa imaxe estará con nós uns segundos polo menos. Estes serían pensamentos que un non pode controlar, polo tanto a posibilidade de elección non se limitaría a accións físicas e observables, senón que tamén engloba cambios internos.

Se vivimos nunha cidade e non noutra, se imos a un  concerto, se comezamos unha relación cunha persoa, etc, nunca depende unicamente de nós, sempre son feitos onde factores externos nos condicionan. As nosas vidas están constantemente condicionadas, podería dicir que a maior parte das veces incluso son os sentimentos aquilo que nos controla.

Pero tratemos de atopar algo máis grande, estamos predestinados para ter unha vida ou outra? Constantemente aparece a dúbida de "e que pasaría se..?" Tal vez as nosas decisións veñan determinadas por algo máis que as nosas sensacións e o mundo que nos rodea, un algo que marcou os nosos días e fará que vaiamos nunha dirección ou noutra mesmo se nós pensamos que a decision é propia. Entón podería ser que pasemos a vida crendo, falsamente, que decidimos o noso camiño, pois este xa aparece determindo, e se todo está previamente planeado, tamén o está a crenza de que podemos elixir un ou outro destino.

Polo tanto, finalizo esta pequena reflexión con que sería incorrecto afirmar que cada un é libre de facer o que quere, pois tal vez esa decisión ven condicionada por un destino previamente ideado.



Icía Castro Iglesias, 1º A BACH, IES San Tomé

No hay comentarios:

Publicar un comentario