lunes, 14 de diciembre de 2015

A RELIXIÓN COMO MÉTODO DE CONTROL DE MASAS

As persoas somos seres emocionais, e coma tales precisamos entender o que nos rodea. O home sempre tivo medo da vida, ainda que aparentemente só lle tema á morte. Dende que o ser humano toma conciencia do que o rodea precisa de algo que lle axude a afrontar o día a día, entender a vida e a morte, darlle un sentido a todo o que o que percibe, e sobre todo a si mesmo. Así xorde a relixión, que non é máis que unha vía de escape, unha serie de crenzas a través das cales as persoas tratan de explicar todo aquilo que os sobrepasa . Ao saber que existe o fin precisabamos esperanza, unha esperanza que ademais nos permitise sobrelevar os problemas cotidiáns.
A relixión permítelles ás persoas escapar da realiadade en que viven e “vencer” así os seus medos, cando realmente para vencer algo hai que enfrontarse a el, e non simplemente correr. Grazas a este conxunto de mitos trátanse de evitar ideas como a morte, algo que non entendemos e que nos aterra, intentamos eludir todo a malo, pensar que haberá un mundo mellor, que todo o que ocorre é debido a que un ou varios deuses o desexan, e polo tanto unicamente pode ser no noso beneficio.
A relixión xorde así polo temor que o home lle ten ao desconocido e á morte, mais ainda que nun principio pode axudar a sobrelevar problemas, acaba coducindo á ignorancia, a descoñecer a realidade, ou simplemente a vivir noutra. Lévanos ao descoñecemento total do mundo e a depender duns valores ás veces mesmo inmorais e irracionais.
Sentimos a necesidade de crer nalgo, pensar que non imos simplemente desaparecer, que temos un sentido, que estamos aquí por algo e non simplemente por un conxunto de casualidades naturais.
Así, co xurdimento das relixións hai miles de anos, vanse formando tamén diversas sociedades cuxas bases acabarían sendo asentadas pola doctrina dominante. No caso de Europa occidental, a pesar da presenza doutras relixións, o cristianismo será a que deixará a maior pegada.
As relixións influiron fortemente na concepción da vida que temos actualmente, mesmo na Biblia a muller xa é infravalorada con respecto aos homes, atópanse textos referidos a que a muller deberá servir ao home e traballar para el. Ademais, respecto ao mito de Adán e Eva, esta última é caracterizada coma unha “pecadora” que a través dos seus encantos sexuais convencería a Adán para que mordese a froita prohibida tras facelo ela. Deste xeito xa dende o principio a muller é calificada como un símbolo do pecado.
Na Biblia tamén podemos atopar moitas outras alusións á inferioridade da muller, como:
·         “A la mujer dijo:  Multiplicaré en gran manera los dolores en tus preñeces; con dolor darás a luz a los hijos; y tu deseo será para tu marido, y él se enseñoreará de ti”.
·         "Porque el varón no debe cubrirse la cabeza, pues él es imagen y gloria de Dios; pero la mujer es gloria del varón.
·         Porque el varón no procede de la mujer, sino la mujer del varón, y tampoco el varón fue creado por causa de la mujer, sino la mujer por causa del varón"
Todas estas ideas que soamente aparecerían escritas nun libro, estendéronse e foron adoptadas pola sociedade; a homofobia, o racismo, a sociedade patriarcal xunto co machismo, a monogamia, o matrimonio eclesiástico, etc. Así a muller adoptaría un papel de sumisión ante o home, ao que debería servir e gardar obediencia, mentres este gozaría dun papel superior. A muller sería un obxecto do cal os homes poderían abusar, os seus pais mandarían sobre ela ata que casase e pasase así a ser propiedade do marido, quen a dominaría mesmo a través da violencia, quedando a súa vida relegada ao ámbito doméstico e ao coidado da familia , ademais da imposibilidade de participar na vida pública e acceder á educación.
Esta situación de inferioridade acentúase aínda máis na Idade Media, cando a relixión marxina con forza ao xénero feminino. No Renacemento a situación da muller vese lixeiramente mellorada, pero non será ata o século XX cando se percibe realmente a intención de acadar a igualdade entre ambos sexos.

Aínda así, a pesar de múltiples movementos que tratan de erradicar o machismo e a sociedade patriarcal, a muller segue completamente sexualizada na nosa sociedade, e podería dicirse que cada vez máis.
Nos medios de comunicación constantemente están apoiando esta sexualización, bombardéannos a diario con imaxes en que a muller debe seguir uns canons de beleza , ser perfecta , ter un corpo escandaloso e adoptar unha imaxe imposible, falsa, inexistente. Así formúlase a idea de que o único propósito na vida dunha muller ha ser acadar a perfección para gustar aos homes, favorecendo a concepción desta,  novamente, coma un puro obxecto sexual.
Esta información que nos é introducida insconscientemente cada día remata por provocar, sen apenas percatarse un, trastornos psicolóxicos e alimenticios como depresión, bulimia e anorexia, que teñen como único propósito nos que os sufren acadar a imaxe que constantemente nos é implantada. Así, non é extraño que estas enfermidades afecten principalmente a mulleres, sendo a súa imaxe sometida a xuízos constantemente.
Para analizar esta sexualización deberíamos comezar dende o nacemento, cando a unha nena se lle adxudican unhas cores e un tipo de roupa mentres que aos rapaces outras. Tamén inflúe o tipo de educación que reciben uns e outros; a rapaza ha ser un símbolo de dulzura e beleza mentres que o rapaz ha ser bruto e manifestar ao máximo a súa virilidade. Posteriormente aparecen os xoguetes, cada vez máis vergoñentos, bonecas con medidas imposibles e roupas cuxo único propósito é animar ás nenas a que estén guapas e servan sexualmente aos homes.
Medios de comunicación, como a televisión, son cada vez máis vistos por nenos pequenos, que de media pasan máis horas ante unha pantalla que ante un libro, cousa que amosa a perda da cultura que estamos a sufrir. Así, á sociedade incúlcanselle uns valores dende o seu nacemento para que non coñezan outra realidade e os dogmas establecidos non se extingan.
Outro exemplo claro da influencia da relixión na sociedade actual é o prexuízo que existe co corpo humano, a vergoña a ensinalo e a mala imaxe que dá. Todo esto viría influído tamén por textos da Biblia, como un dos primeiros capítulos onde Adán e Eva, tras probaren a froita prohibida, dise que perden a inocencia e deciden taparse por vergoña ao veren que os seus corpos difiren. Todos estes complexos perduraron ata a sociedade actual onde segue estando mal visto ensinar as partes do corpo máis relacionadas co sexo, cando realmente, na miña opinión, son órganos igual ca un brazo ou unha perna, e que simplemente difiren destes na súa función, pero cando a natureza os creou, non penso que optase por “marcalos como algo indigno”, xa que o seu único propósito é a procreación para a conseguinte perpetuación da especie.
Pero por desgraza, mesmo agora no século XXI, seguimos sendo tan ignorantes que apoiamos unas crenzas cuxo único propósito era darlle sentido á vida, e que remataron por tomar tanta forza, que é moi difícil quitalas do noso día a día. Renunciamos á liberdade, á nosa natureza, por medo a amosarnos xa que isto conlevaría unha crítica, unha crítica que é incluso maior para a muller, quen é constantemente bombardeada para que se amose dun xeito pero criticada a maior parte das veces se o fai.
En resume, a relixión tivo un papel protagonista na conformación da nosa comunidade, na elaboración dunhas regras e na discriminación a distintas facetas da sociedade, inculcounos uns ideais que consideramos normais pero que realmente só serven para amosar  a ignorancia ao non deixarnos pensar por nós mesmos. Ata que non nos desprendamos dos tapuxos non poderemos ser libres, e polo tanto os nosos propios donos.


                                                                                                                 Icía Castro, 1º BACH A

No hay comentarios:

Publicar un comentario