viernes, 19 de abril de 2019

Son os superheroes viables na sociedade actual?

O éxito vixente das producións audiovisuais relacionadas cos superheroes levoume á reflexión sobre a seguinte incógnita: son os superheroes viables hoxe en día?

De maneira lóxica, excluio calquera tipo de "superpoder", xa que a ciencia actual non foi quen de solventar os problemas que estes presentan. Nin sequera sabemos se serán posibles nun futuro, polo que prefiro deixalos de lado nesta ocasión. Desta maneira, suponse que un superheroe é unha persoa con cualidades excepcionais e equipamento adecuado que é quen, por si mesma, de enfrontarse a perigos co fin de frear desastres ou solventar dificultades. O que pretendo abordar é o suposto efecto dunha persoa que actúa pola súa conta, resolvendo diversos contratempos. O quid da cuestión radica no seguinte: alteraría a orde da sociedade a existencia de heroes?

Segundo o meu punto de vista, existen dúas maneiras diferentes de responder a esta pregunta. A primeira delas é afirmativa: consiste en defender a falta de coordinación que suporía a existencia de superheroes, incidindo na acción das forzas policiais. Non habería maneira de que as institucións puidesen controlar os actos dos heroes, causando caos e pouca efectividade á hora de solucionar problemas. Contemplando este punto de vista, a solución consiste na creación de leis de superheroes, aparecendo así unha regulación que permitise a implantación da "heroicidade" coma un traballo. Neste caso, o que falta é a esencia do heroe: a acción espontánea, a capacidade para desenvolverse solitariamente coa finalidade de axudar. A segunda maneira de responder a pregunta é negativa: trátase de afirmar a unidade do heroe, sen necesidade dunha regulación. Grazas a isto, as características intrínsecas dos superheroes non teñen por que desaparecer: quen desexe ser superheroe debe posuír seguridade de si mesmo, e intentalo de maneira individual ou con axuda doutros heroes. Esta visión afonda nun punto en concreto: os heroes están de lado das institucións policiais (xa que pretenden facer o ben), pero en ningún caso actúan con elas, senón que o fan de forma solitaria, ou entre eles.

Estas dúas maneiras de ver o conflito presentan problemas, e non existe un termo medio: ou se regula e se perde a esencia, ou non se levan a cabo leis, mantendo a intrinsicidade. Ningunha das dúas solucións presenta unha clara vía para que a existencia de superheroes poida ser productiva e mellorar o estado da humanidade. Desta maneira, creo que a sociedade actual non está capacitada para contar con superheroes: queda un longo camiño ata que esta actual ficción poida convertirse en realidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario