lunes, 17 de diciembre de 2012

ENSAIO SOBRE A PERCEPCIÓN


Para traballar este tema, empregarei como material principal a película de Matrix.
Non teño un tema claro proposto que reflexar aquí, porén intentarei dar a ver o complicado que é o tema da percepción, a realidade e fantasía, a obxectividade e a subxectividade, e do coñecemento ligado a todas estas experiencias.
Matrix é un mundo no que todo é verdade á vez que é mentira. É dicir, é algo verdadeiro para os que viven nel, e é algo falso para aqueles que son alleos a esa situación. Isto pódese interpretar como que os segundos teñen o coñecemento da verdade e os primeiros non, ou tamén coma a maneira de ver o­  mundo.
A percepción é algo moi simple e á súa vez moi complexo. Cada un ve o mundo ao seu xeito, ó mellor con trazos comúns a outras persoas debido á enculturación, e cada un pode conformar as súas propias opinións. O que para un é real, para outro pode ser totalmente descartable do plano da realidade. Isto pódese exemplificar coas drogas. Alguén que sufra alucinacións vai estar sometido a un coñecemento do mundo distinto a aquel, en teoría e en principio, san e libre de substancias que alteren e condicionen a súa percepción.
O mundo que nos rodea, todo o que sentimos... É moi incerto, é relativo. Que se pode considerar real? Está ante min, en verdade, o ordenador co cal penso que escribo? É unha ilusión e estou a durmir? Nada disto é real? É todo, ao contrario, perfectamente real e comprensible?
Tal e como se ve plantexado en Matrix, ¿vivimos todos os humanos nun mundo común a nós, pero distinto a todo o que non coñecemos? Hai que contemplar unha cousa: a percepción tamén vén dada, en gran medida, polo coñecemento. Porque, ao fin e ó cabo, o mundo no que nos tocou vivir non o concibimos coma un conxunto de coñecementos descubertos e por descubrir?
O tema da percepción está intimamente ligado co do coñecemento, pois sabemos o que sabemos en función do que se percibe e do xeito no que se percibe.
Na percepción inflúe a propia perspectiva ante a vida do individuo. É aquí como pode xurdir o afán de saber máis, a partir dos estímulos que se reciben queremos organizalos coma un saber propio e, a partir de aí, pretendemos organizar as nosas aprendizaxes en escalafóns, ata dar cun coñecemento superior que se coñece como “verdade”.
É algo moi discutido en filosofía a busca constante da verdade, cousa que eu penso que,  tal e como se concibe maioritariamente este concepto, nunca se vai atopar. A verdade é cousa de cada un. O que é verdadeiro para alguén, a validez de algo para un mesmo. As crenzas propias dun mesmo van determinar a súa propia verdade. É coma o mito da caverna; para os presos é algo completamente normal o seu mundo, pero para o que se libera, pensa que o verdadeiro mundo é o de fóra.
                Eu pregúntome: por que organizar a busca da verdade coma algo progresivo, coma algo escalonado, ata atopar un conxunto de percepcións superior, e non coma algo meramente suxeito a perspectiva segundo o individuo?


Alejandra Picón Romero, 1º BI, L.

No hay comentarios:

Publicar un comentario