jueves, 15 de junio de 2017

Atenas contra Esparta

O debate entorno a ocupación de inmobles.

O debate entre propiedade privada e propiedade comunal vén de longa data. Na Antiga Grecia por exemplo, atopamos a cidade de Atenas e a cidade de Esparta con ambos sistemas contrapostos.

Atenas era unha cidade relativamente máis liberal e democrática, cunha florecente actividade comercial e artesanal e cunha orde espontánea de cooperación social baseado no respecto e igualdade ante a lei. Eric Roll, autor da “Historia das Doutrinas Económicas” explica que a sociedade ateniense non nos resultaría éstrana a un visitante do século XXI, en moitos aspectos nos recordaría unha das nosas cidades: existía a propiedade privada da terra, a división do traballo en grado moi avanzado, o comercio -sobre todo marítimo- e o uso dos cartos para favorecer os intercambios comerciais e por suposto existía a propiedade privada dos inmobles.

Fronte a Atenas, destaca a cidade de Esparta, profundamente militarista, e na cal a liberdade individual é practicamente inexistente, pois todos os recursos considéranse que han de estar subordinados ao estado.

Mentres Sócrates e Platón foron grandes admiradores do estado totalitario de Esparta, Aristóteles mantívose lonxe d valorar a propiedade comunal. Se Sócrates e Platón vían na propiedade comunitaria de Esparta unha superación do individualismo ateniense en pro do ben común Aristóteles vía nela unha limitación inaceptable da liberdade do cidadán ateniense (o propietario con dereito a voto)

Varios estudosos da historia do pensamento destacan en Platón os seus ataques á propiedade privada, a súa louvanza da propiedade común, o seu desprezo pola institución da familia tradicional, o seu concepto corrupto da xustiza e a súa teoría estatista e nominalista do diñeiro. En suma, a súa enxalzamento dos ideais do estado comunitarista de Esparta.

Fronte a iso, Aristóteles tivo unha mirada oposta, ofrecendo argumentos en favor da propiedade privada.

1) A propiedade privada é moito máis produtiva, e xa que logo facilita o progreso. Os bens que son posuídos en común por un elevado número de persoas reciben pouca atención, posto que a xente tende a guiarse polo seu propio interese e descoida calquera obrigación cuxo cumprimento poida deixarse a outros. Por contraste, un presta o maior interese e coidado ao que é da súa exclusiva propiedade.

2) Un dos argumentos de Platón para favorecer a propiedade comunal é que esta supostamente conduce á paz social, posto que ninguén envexará ou intentará facerse coa propiedade do outro. Aristóteles replica que a propiedade comunal conducirá máis ben a un conflito continuo e agudo, posto que cada cal queixarase de que traballou máis duro que os demais e obtivo menos que outros que traballaron pouco e aproveitáronse máis do fondo común.

3) A propiedade privada está fortemente implantada na natureza humana: no home, o amor a si mesmo, ao diñeiro e á propiedade están intimamente ligados nun afecto natural á propiedade exclusiva.

4) O gran observador do pasado e o presente que é Aristóteles non deixa de apuntar que a propiedade privada existiu sempre e en todas partes. Intentar impoñer a propiedade comunal na sociedade supoñería menosprezar o que é resultado da experiencia humana para aventurarse en algo novo e inexplorado. Abolir a propiedade privada probablemente acabaría creando máis problemas dos que resolvería.

5) Só a propiedade privada posibilita actuar moralmente, isto é, practicar as virtudes da benevolencia e a filantropía. Forzar a unha propiedade comunal destruiría tal posibilidade.

En definitiva, ante a ocupación dun edificio propiedade dun particular por parte dun colectivo que busque transformalo en propiedade comunitaria Aristóteles amosaríase radicalmente en contra mentres Sócrates e Platón apoiarían sen dúbida ao movemento okupa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario