jueves, 6 de junio de 2019

A sinxeleza leva á decadencia

O ser humano tende a pensar que o camiño máis simple é o correcto. Sobre esta sinxela suposición, é menester engadir o libre albedrío, un problema que, loxicamente, non foi solucionado na clase. Isto débese á súa complexidade.

Á hora de intentar solventar o problema, atopamos varias vías, sendo a primeira delas o razoamento, defendida por Spinoza. Esta consiste na proveniencia das opinións dende a conciencia das accións, e a ignorancia sobre as súas causas. Ao analizar esta afirmación, percatámonos da ideoloxía de Spinoza: pensa que as persoas ignoran as causas das súas opinións. Así, é sinxelo determinar que a maioría elixe o camiño fácil: o non coñecemento. Desta maneira, a conclusión é clara: a vía sinxela é a "correcta", e a que elixe unha gran parte da poboación.

Por outro lado, a segunda vía baséase en fundamentos científicos, intentando solidificar a nosa idea sobre o libre albedrío. Libet decide levar a cabo un experimento, consistente na medición de impulsos eléctricos, causa das nosas accións: así, chega á conclusión de que o cerebro é consciente do que faremos varios segundos antes de que nós, como individuos, o sexamos. Isto soa extremadamente confuso, levando a moitos a pensar que non podemos controlar o que pensamos, polo que a mente é escrava do cerebro, e nunca poderemos dominalo. Como mencionei no anterior parágrafo, esta é a vía sinxela. Non leva á reflexión, simplemente conclúe que cada individuo se comporta de maneira acorde ao seu cerebro: así, non dependemos de nós, senón das nosas características, que posuímos dende o nacemento. Esta concepción trátase dun entendemento incorrecto do experimento de Libet. Dende logo, non se pretende demostrar a dependencia única do cerebro. O ser humano ten a capacidade básica do autocontrol e da reflexión: isto implica que o que nos dá o cerebro non ten por que ser o que fagamos: nun principio, o noso cerebro pode querer transmitirnos algo, pero debemos pensar antes de levar a cabo a acción ou reflexión, chegando á conclusión da validez do que o noso cerebro nos pretendía comunicar.

Mediante o escrito anteriormente, dedúcese que a visión victimista que lle atribúe todo o peso das nosas accións ao cerebro non é correcta. Temos a habilidade de poñer en dúbida o que se dá por universal, e incluso o que se nos proporciona como o correcto, conseguindo así unha visión máis asentada, crítica e consciente do que nos rodea.

4 comentarios: