viernes, 14 de junio de 2019

Utopías: realidade ou ficción?

A día de hoxe, a palabra utopía é utilizada co fin de designar unha situación de talante político demasiado ideal. Así, o uso deste termo referido a calquera idea sempre é despectivo: se algo é ultópico, dáse por sentado que non é viable, ou que é demasiado bo para ser certo. Ao reflexionar sobre esta cuestión, xorden certas preguntas que nos permiten aclarala: cal era o significado orixinal da palabra? Por que non adoitamos crer en utopías? Somos todas as persoas "utopistas" no interior?

En primeiro lugar, a susodita palabra foi creada por Thomas More, co propósito de describir un mundo imaxinario no que non existía a discriminación nin a propiedade privada, e todas as persoas traballaban o mesmo número de horas, superpoñendo o interese colectivo ao individual. Unha vez interiorizada esta definición, é lóxico deducir que a palabra non é utilizada co seu significado orixinal, xa que a día de hoxe pode atribuírselle a calquera pensamento. É por isto que nos percatamos de que o "ideal" e "absoluto" é diferente para cada persoa, xa que a palabra utopía pode ser adaptada para calquera ideoloxía.

Por outra banda, o ser humano tende a desconfiar das utopías debido a que imaxina que hai algo maligno detrás: non existen as distribucións perfectas, xa que sempre aparece un mínimo erro que as desbarata. Así, observando a historia podemos percatarnos de que a evolución das doutrinas políticas, para ben ou para mal, é debida a fallos nas anteriores. Isto lévanos a pensar que, se existe unha evolución constante, nunca se alcanzará o estado final. Á imaxe da propia evoución humana, a política evolucionará, pero nunca rematará ese proceso. Polo tanto, redefínese a utopía como o "estado final" da política: unha doutrina inmellorable, pero inalcanzable.

Para rematar, considero que cada un tende a pensar nunha utopía no ámbito que lle concerne. Polo tanto, se os gustos de algúen se orientasen cara a unha temática "x", o seu ideal moi posiblemente sería a chegada á utopía nese ámbito. O problema disto radica no argumento xa mencionado, para o que me apoio no razoamento de Sartre, realizando unha pequena modificación: o ser humano atópase nunha evolución constante, pero tamén todo o creado por el e pola natureza. É por isto que no actual panorama de cambio continuo, as utopías non teñen cabida. Polo tanto, nada pode ser perfecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario