domingo, 9 de diciembre de 2012

ENSAIO SOBRE A LINGUAXE




A linguaxe é algo moi complexo e profundo. Un tema que dá pé a moitas perspectivas distintas.
                Na película de “El Milagro de Anne Sullivan” podemos ver como Helen se expresa a base de sons moi  básicos e elementais, patexando, pegando, defendéndose. É a maneira que aprendeu (ou mellor dito, que desenvolveu) para dicir o que quería e o que non, así coma o que sentía ou deixaba de sentir. Era unha maneira moi rudimentaria, a priori, de linguaxe, que nos fai pensar nun animal, no cal vemos certa personalidade, certo carácter, mais unha capacidade comunicativa non equiparable á dun humano.
                Quizais non me expresara adecuadamente. O meu propósito non é designar de inferior a todo aquel que non posúa as habilidades para a lingua dun ser humano, senón de diferente. Algo ou alguén que vén adaptado a outro ámbito social ben pode criarse noutra maneira de expresarse. Por exemplo: un gato. Todo aquel que teña gatos e que os coñeza ben, saberá que non sorrín, que non din con palabras “ola”, que non sempre recoñece de vista a un gato co que leve vivindo anos, etc. Porén, ese gato, si saúda erguendo o rabo, si ronronea cando está a gusto (ou cando sofre, outro exemplo do seu amplo abano de mensaxes), si identifica ao compañeiro ulíndoo... Con insto veño dicindo que teñen o seu propio sistema comunicativo, a súa propia maneira de se entender, de falaren... E é tan complexo coma o noso.
                Anne Sullivan pretende facerlle aprender a Helen outra visión dese mundo no que vive, desa sociedade humana; quere transmitirlle todo o que ela coñece tal e como ela o coñece, para demostrarlle que non todo se limita a un mundo físico de cheiros e tactos. Quere darlle a ver que outros da súa especie aplícanlle ao seu día a día as súas propias percepcións psicolóxicas e os seus sentimentos.
                Os sentimentos. Algo tan complexo coma a linguaxe en si. Por que non podemos ver a presenza de sentimentos nunha maneira de comunicarse coma a inicial de Helen? É dicir, quen nos di a nós que non os ten? Incluso cunha percepción do mundo tan distinta, a ollos humanos mesmo pobre, é posible que os sentimentos teñan cabida. Quizais non como nós os coñecemos e/ou interpretamos, mais si sometidos a outras formas de percepción.
                No filme, Helen xa tiña unha visión preconcibida do mundo, pódese ver no ben que se sabe orientar pola casa ou por como ule todo o que lle cae nas mans, pero en canto Anne lle demostra que outros humanos aprenderon a ver ese mundo doutro xeito, unha vez que asume a novidade do concepto, móstrase ansiosa por coñecer máis. Quere saber máis desa perspectiva que se lle intenta ensinar, ela mesma busca insaciablemente respostas a tantas novas preguntas, e así vai ensanchando os seus coñecementos.
                Neste texto non pretendo reflectir unha superioridade na linguaxe e na expresión humana, senón dar a ver a variedade de xeitos de comunicación que poden existir, e o ben que amosan o mundo para cada individuo que os adopta. Na linguaxe está o coñecemento e, polo cal,  a verdade. Para min a verdade non sempre é aquela que se amosa en avance, eses progresos poden equivaler tan só a outros puntos de vista, senón no que adopta o individuo como conforme e válido.

ALEJANDRA PICÓN ROMERO. 1ºBI, L.
                

No hay comentarios:

Publicar un comentario