"Cres que sabes perfectamente quen eres. Cres que sabes perfectamente quen son as persoas que están ao teu carón. A túa parella. O teu mellor amigo. A túa nai. Cres que sabes perfectamente o que está sucedendo ao teu redor. Cres que ti manexas a situación. Cres que es TI quen conformas a túa propia realidade. Que sabes perfectamente como é a túa vida. Que o teu fogar é teu e que tes un nome, unha tarxeta de crédito e unha póliza de seguros. Cres que tes CERTEZAS. Pero as CERTEZAS neste mundo son case unha UTOPÍA. Ata que punto é real o que inxenuamente adoitamos chamar "realidade"? Cando toda a realidade se derruba ao noso redor... a que podemos aferrarnos?
Benvidos ao universo de Perplexo, o novo espectáculo de Ilmaquinario Teatro."
Estas son as palabras que lin nun libriño informativo sobre unha obra de teatro, e sen dubidalo souben que iría ver o espectáculo que se anunciaba. Efectivamente, alí atopeime cuns personaxes que nun principio parecía que tiñan ben claro quen eran, a que se adicaban, onde vivían, pero a ilusión durou pouco. De súpeto, algo cambia no seu entorno, e todo o que nun principio parecia "real" xa non está tan claro. Cambian de rol continuamente, conservando sempre o mesmo nome, dando lugar á confusión daqueles que non entenden o que ocorre.
Unha parella que é botada da que nun principio parecía ser a súa casa sen ningunha explicación.
Un fillo que cambia a súa nai por outra, sen que a primeira poida facer nada.
Amigos que resulta que non son tan amigos (ou se cadra demasiado amigos).
Paquetes misteriosos asinados por quen di que non o fixo.
Disfraces polémicos.
Alusións directas e indirectas ao mito da caverna platónico.
A obra non é máis ca unha metáfora da sociedade de hoxe en día, todos vivimos tras unha máscara, mirando o mundo a través dela, e se nola quitan non chegamos a saber quen somos, sentímonos desorientados. Vivimos demasiado acostumados á vida que temos, se agora descubrísemos que é falsa, como responderiamos?
Non faltaron tamén alusións a temas de actualidade, como a persistencia do fascismo e o nazismo nalgúns colectivos da sociedade actual, a búsqueda de diferenciarnos dos demais, a existencia ou inexistencia dun deus, o papel que toma a muller en diferentes situacións... Todo isto tratado cun excelente humor que fixo que o Salón Teatro rise ás gargalladas en innumerables ocasións. Cabe resaltar, por suposto, o traballo do director Tito Asorey e a perfectísima interpretación de Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, aos que admiro pola capacidade de trasladarse a un ritmo tan frenético dun personaxe a outro, de seguro que con moito traballo por detrás, noraboa.
Enlace á páxina da compañía teatral e máis información sobre a obra:
Iria Esperón Abril
2ºBI
No hay comentarios:
Publicar un comentario