lunes, 11 de enero de 2016

Cine e tolemias

Estas vacacións decidín aproveitar algúns ocos libres para ver unha serie de películas relacionadas con temas psiquiátricos e que sempre chamaron a miña atención. Entre elas atópanse Musarañas, Despertares, Monos como Becky, etc…

Todas estas películas teñen en común que os protagonistas son persoas con enfermidades psiquiátricas ou tratan con persoas baixo esas condicións, un tipo de trastornos que seguen a ser algo descoñecido para a maioría da poboación e que realmente se atopan con gran facilidade. A miúdo a xente que os sufre agóchaos por medo ao desprecio ou ser definidos pola palabra “tolos”, mentres que moitas outras persoas súfrenos e apenas o saben, simplemente levan anos noutra realidade que ao final non é máis que un xeito distinto de ver o mundo.

En todas estas longametraxes preséntasenos o conflito do que é o enfermo e do que o “non enfermo” considera que é (mesmo se as veces o sensato está peor que o outro). Tendemos a marcar a estas persoas como marxinais, que non pensan, non sinten, que se comportan coma estúpidos, etc. Pero a verdade é que deberíamos pararnos a escoitalos, como chegaron ata esa situación, que é para eles espertar cada mañá. Son persoas, agochan todas as emocións que ti podes gardar, agochan os mesmos sentimetnos xunto con unha vida, pero ás veces deixan de agochar. 

En Musarañas, por exemplo, aparece unha muller que sufre de agorafobia xunto con outros trastornos, no momento en que esta lle conta á súa irmá como acabou así, foi directamente criticada pola segunda, que non se parou a analizar a situación, a razoar acerca dos feitos e do dano que sufrira a irmá maior. Pasou directamente a tachala como algo negativo que non podía ter ningún tipo de perdón nin escusa, e calquera dano que sufrise na súa xuventude non xustificaba (en maior ou menor medida) os seus actos.

Tamén, en Monos como Becky, un documental a cuxo director lle realizaran unha lobotomía, este, Joaquim Jordá, preséntanos a unha serie de internos, e permítenos falar con eles, ou mellor dito, a eles comunicarse co mundo. Un destes homes dixo algo que se me quedou grabado; actualmente os psiquiatras unicamente suministran pastillas aos pacientes e non se paran a falar con eles, non tratan de entendelos, de axudalos, de coñecer a súa cosmovisión, cando realmente estes precisan pronunciarse e seren escoitados, mesmo cando sufren enfermidades incurables precisan esa clase de axuda, porque son humanos, e ante todo o cariño doutras persoas, o contacto, a fala, a comunicación, o amor, é o único que pode salvalos.


Outro paciente comentaba que o único que os diferenza a eles de nós, é que se atopan dentro, mentres que nós fóra. Estas persoas expresaron o que sinten, mentres que en liberdade somos presos e cada vez os sentimentos agóchanse máis. Edúcannos para que non lles deamos importancia, ou para que pensemos que non existen. Opino que o home que dixo iso ten moita razón, eles saben sacar e liberar todo aquilo que lles pasa pola mente, mentres que nós vivimos á sombra de incluso nós mesmos.En definitiva, considero que deberiamos pechar a boca máis veces, e berrar máis a miúdo, seguramente as palabras terían máis sentido e os sentimentos cobrarían máis forza.





Icía Castro, 1º A BACH

No hay comentarios:

Publicar un comentario