lunes, 29 de febrero de 2016

Mabel

Mabel, hai días que non sei nada de ti, levo noites agardando esperta a túa resposta. Espero un reencontro que me temo, non ocorrerá. Dóeme o peito cada vez que recordo a túa mirada. Reminiscencias constantes que asolagan o meu pensamento.
Mabel, onde estás? Que fas? Por que me esqueciches? No meu cuarto tan só se mantén a esencia da última noite que estiveches aquí, coma se o tempo apenas transcorrese e seguises espida ao meu carón; tan só unha fina saba que recubría os teus peitos. Brancos, branca, tan doce , tan pura, tan sinxela. Inefable. Nunca atopei a alguén tan leda coma ti, Mabel.
Biqueite tantas veces, acariñei as túas mans, soportei o teu rostro aflito mentres tratabas de agochar os teus medos. Recendías a amorodos. O teu cabelo escuro, os teus beizos rotos descendendo por min.
Mabel, os días transcorren escuros, apenas saio da casa, non son quen de mirar as nosas fotografías xuntas ou repetirme que xa non estás. Creo que quero conservar o pouco que queda de ti. Fuches a miña árbore, grazas por permitirme chegar á cima e así poder admiralo todo dende outra perspectiva.
Non sei por que sigo chorando, se a pesar de todo me destrozaches, rompiches cada anaco que me formaba, xogaches coa fraxilidade dunha boneca, e ao final perdimos as dúas.
Mabel, Mabel, Mabel.
O teu nome segue a facer eco na miña cabeza, deséxote, estráñote tanto. Pero xa non te necesito. Agora regreso soa polas noites, o mar xa non se estende ante nós. Trataches de roubarme o máis bonito que posuía. Mabel, nunca te esquecerei, grazas por crearnos, por ensinarme a ser eu, por impulsarme e darme as ás que precisaba. Non podo seguir agardándote, arrincándome a enerxía para cederlla a un ser descontento consigo mesmo.
Mabel, aínda conservo os teus poemas, as túas cancións e as partituras nas que me plasmaches. Cada un dos paseos que demos collidas da man, a miña felicidade nunca puido ser maior a cando estabamos xuntas. Nunca me namorei realmente de ti, alguén coma min non sabe o que é iso, nunca te quixen, o amor é algo inconceibible.
Mabel, eramos nós, o máis puro e inocente sentimento que endexamais sentín. O cariño que che gardo nunca desaparecerá, sinto por ti unha tenrura que me acompañará ata a morte. A medida que che escribo expulso despoxos pola miña gorxa. Agora teño que deslizarme apañando margaridas para formar a miña propia coroa, xa sabes que son un corpo creado a partir de emocións. Eu tampouco podo regresar.

Mabel, grazas por existir.



Hoxe comunicáronme que fun unha das gañadoras nun concurso de relatos, polo cal deixo aquí o texto para compartilo con todos aqueles aos que lles apeteza le-lo. Agardo que vos guste.

                                                                                Icía Castro Iglesias, 1º A BACH

No hay comentarios:

Publicar un comentario