domingo, 24 de marzo de 2019

É tan produtivo o traballo en grupo como nos din?

Dende os inicios da educación, todos os docentes intentan inculcarnos unha importante afirmación: o traballo en grupo é importante e beneficioso. Pero, ata que punto é iso verdade? Cal é a razón de que nolo digan?

En primeiro lugar, cabe analizar a súa importancia nunha gran parte de traballos: os de oficina, coidados, limpeza, e unha ampla lista dos mesmos. A cuestión radica en que esta produtividade que nos outorgan os traballos grupais pode ser existente nesta clase de traballos, pero está claro que non é así no ensino. Cando se lles encomenda aos alumnos unha tarefa en grupo, a maioría do traballo é levado a cabo por unha parte moi pequena do grupo. Persoalmente, o ano pasado atopeime en diversas ocasións con situacións deste estilo, polo que me tiven que encargar só da inmensa maioría do traballo. Por sorte, canto máis se avanza no ciclo educativo, máis seriedade adoptan os alumnos, polo que aceptan máis responsabilidades, e o traballo en grupo chega a ser interesante e realmente equitativo.

Por exemplo, os alumnos de bacharelato adoitan posuír unha concepción máis seria do traballo, polo que normalmente prefiren chegar a calificacións máis elevadas, aínda que iso requira unha maior cantidade de esforzo pola súa parte. É por iso polo que os traballos en grupo funcionan mellor nas etapas da educación máis elevadas, coma a Universidade ou o Bacharelato.

Por outra banda, se estas tarefas se realizan na educación primaria ou na ESO, non chegan a ser tan efectivas coma as de outros estudos superiores, xa que certas persoas non posúen interese en acadar unha calificación decente, e outras si. Desta maneira, os primeiros individuos acabarán conseguindo a mesma nota que os segundos, sen necesidade de traballar, xa que os segundos serán os que realicen case todo o traballo. Baixo a miña opinión, os docentes deberían ter en conta esta clase de comportamentos, e regular de algún xeito esta mala práctica que soamente produce inxustizas. Unha boa maneira de facelo é realizando o traballo grupal na clase, de tal maneira que o profesor poida supervisar aos alumnos e encargarse de que todo funcione de forma equitativa e correcta.

Como conclusión, e importante recalcar que o traballo en grupo é importante, e axuda a que as persoas sexan capaces de coordinarse e mellorar os seus resultados cooperando, pero sempre realizando as tarefas por igual, e sen desbalances á hora de repartir o traballo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario